Amosando publicacións coa etiqueta Galego. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Galego. Amosar todas as publicacións

xoves, 5 de febreiro de 2015

Rosetóns de diferentes templos galegos con Geogebra.

Os nosos dragaliños e dragaliñas representaron estes rosetóns empregando o Geogebra. Despois de moito traballo....Velaiquí o resultado.


venres, 30 de xaneiro de 2015

Alfonso Daniel Rodríguez Castelao

O retrato
"Por amainala conciencia guindei con meu título de médico no fondo dunha gabeta, e busquei outra maneira de me valer. As xentes xa non sabían que eu era dono de tan tremenda licencia oficial; mais unha noite foron requiridos os meus servizos.
Era domingo. Melchor, o taberneiro, agardaba por min ó pé da porta. Deume as boas noites e rompeu a chorar, e por entre os saloucos saíanlle as verbas tan estruchadas que soamente logrou dicirme que tiña un fillo a morrer.
O pobre pai turraba por min, e eu deixábame levar, enfeitizado pola súa dor. ¡Despois de todo eu era médico titulado e non podía negarme! E tiven tan fortes anceios de compracelo que sentín xurdir nos meus adentros unha grande ciencia...
Cando chegamos á casa de Melchor logrei arriarme das súas mans, e con finxido acoitamento confeseille que sabía pouco da carreira..."
Retrincos, Alfonso Daniel Rodríguez Castelao.

Con este fragmento de relato, quero falar do seu autor, Castelao, xa que un día como hoxe, en 1886, nacía este polifacético personaxe en Rianxo.
Desde político a médico, pasando por escritor e debuxante, foi unha figura clave para a cultura galega.

Formou parte do Grupo Nós xunto Vicente Risco, Otero Pedrayo e Cuevillas. Publicou diversas obras, en varios xéneros, como Retrincos (narrativa), Os vellos non deben de namorarse (teatro) [esta obra vaina representar este ano o noso o grupo de teatro], e no xénero ensaístico, Sempre en Galiza, considerada obra canónica do nacionalismo galego que foi publicada no exilio no ano 1944.




No ámbito da política, foi deputado polo Partido Galeguista na Segunda República e foi un dos impulsores do Estatuto de Autonomía de Galicia do 36 (aprobado, pero que non se puxo en práctica debido a irrupción da Guerra Civil).

Como debuxante, hai que destacar os famosos debuxos de Castelao, nos que se mostra a Galiza agraria e o caciquismo.

Para rematar, na miña opinión, é indispensable que non paremos de reinvindar a persoeiros do talle de Castelao, que tanto loitou polo pobo galego e que tanto fixo pola cultura do noso país, chegando a universalizala.


mércores, 12 de novembro de 2014

EU DIGO...

Tal e como vos publicara anteriormente o vídeo de "Ghalegho", que defendía as variantes do galego na zona de Rianxo, no cal había unha referencia a xente de Ribadeo que se burlara deles polas súas particularidades lingüísticas, hoxe publícovos un vídeo feito por uns estudantes de Ribadeo, que nos explican as súas variedades dialectais.

Cabe recordar que o galego que se fala na zona de Ribadeo pertence ao bloque oriental, e entre os trazos máis característicos destacan a terminación -ois en pantalois, ladrois, camiois, etc., a utilización do pronome tu, as formas nosoutros e vosoutros en troques de nós e vós, etc.

Estas diferencias demostran que o galego é unha lingua viva, a cal temos que defender (con todas as súas variantes), e o máis importante, non ter vergoña por usala, xa que é unha lingua ben bonita!!!

sábado, 25 de outubro de 2014

GHALEGHO

Áreas lingüísticas do Galego
Este vídeo de 2 minutos de duración feito por unha rapaza de Rianxo que estuda Xornalismo na USC, reinvindica as peculiaridades do galego que se fala na súa zona, no Barbanza, con gheada e seseo explosivo (no mapa IB-2, área fisterrá).

Débese saber que a gheada e o seseo están permitidos na lingua oral pola Real Academia e que o seu uso está moi estendido nas zonas máis occidentais de Galicia.
Pois logho disto, recoméndovos que vexades o vídeo.