venres, 30 de xaneiro de 2015

Alfonso Daniel Rodríguez Castelao

O retrato
"Por amainala conciencia guindei con meu título de médico no fondo dunha gabeta, e busquei outra maneira de me valer. As xentes xa non sabían que eu era dono de tan tremenda licencia oficial; mais unha noite foron requiridos os meus servizos.
Era domingo. Melchor, o taberneiro, agardaba por min ó pé da porta. Deume as boas noites e rompeu a chorar, e por entre os saloucos saíanlle as verbas tan estruchadas que soamente logrou dicirme que tiña un fillo a morrer.
O pobre pai turraba por min, e eu deixábame levar, enfeitizado pola súa dor. ¡Despois de todo eu era médico titulado e non podía negarme! E tiven tan fortes anceios de compracelo que sentín xurdir nos meus adentros unha grande ciencia...
Cando chegamos á casa de Melchor logrei arriarme das súas mans, e con finxido acoitamento confeseille que sabía pouco da carreira..."
Retrincos, Alfonso Daniel Rodríguez Castelao.

Con este fragmento de relato, quero falar do seu autor, Castelao, xa que un día como hoxe, en 1886, nacía este polifacético personaxe en Rianxo.
Desde político a médico, pasando por escritor e debuxante, foi unha figura clave para a cultura galega.

Formou parte do Grupo Nós xunto Vicente Risco, Otero Pedrayo e Cuevillas. Publicou diversas obras, en varios xéneros, como Retrincos (narrativa), Os vellos non deben de namorarse (teatro) [esta obra vaina representar este ano o noso o grupo de teatro], e no xénero ensaístico, Sempre en Galiza, considerada obra canónica do nacionalismo galego que foi publicada no exilio no ano 1944.




No ámbito da política, foi deputado polo Partido Galeguista na Segunda República e foi un dos impulsores do Estatuto de Autonomía de Galicia do 36 (aprobado, pero que non se puxo en práctica debido a irrupción da Guerra Civil).

Como debuxante, hai que destacar os famosos debuxos de Castelao, nos que se mostra a Galiza agraria e o caciquismo.

Para rematar, na miña opinión, é indispensable que non paremos de reinvindar a persoeiros do talle de Castelao, que tanto loitou polo pobo galego e que tanto fixo pola cultura do noso país, chegando a universalizala.


sábado, 24 de xaneiro de 2015

Visitáronnos uns dragaliños moi especiais.

O xoves, 22 de xaneiro, compartimos dúas marabillosas horas cus dragaliños e unhas dragaliñas moi especiais. Pasámolo de medo! Grazas!
http://www.edu.xunta.es/web/node/14259

Imos dar unha voltiña!

Os Muíños e Batáns do Mosquetín

Non hai que ir moi lonxe para atopar un muíño, ou restos dun muíño, dos que non hai moitos anos aínda se aproveitaban para o cereal. Mentres na seca Castela os mais coñecidos son os de vento, en Galicia son mais populares os hidráulicos.
Muíño do Mosquetín
O que non é tan coñecido e a existencia dos batáns. Estes son coma un muíño hidráulico, pero que no lugar de mover unha pedra para moer moven unha serie de pesados mazos que golpean as telas molladas. O obxectivo era compactar a trama da tela, de xeito que quedaban menos propensos a desfibrar. Canto peor calidade na tela, mais tempo no batán. Por certo, o servizo non era de balde.
Conxunto de Batáns
Desta volta propoño que visitedes o concello de Vimianzo, onde atoparedes un conxunto de sete muíños e tres batáns. Se ides en vacacións poderedes visitar o interior, pero no inverno é o momento mais espectacular para ir, xa que o caudaloso río Grande ofrece un espectáculo único galego.
Canais de auga
Vista xeral
GPS: 43º 09′ 14” N – 08º 59′ 09” O

martes, 23 de decembro de 2014

O APALPADOR



Como xa puidéchedes ver, Irene colgou unha canción do Apalpador; esa canción conta a súa historia.
Aínda así, vouvos contar quen é.

O Apalpador é un personaxe mítico galego que traballa de carboeiro.
É un home de barba longa, leva unha boina e carga un saco cheo de castañas.
Según a tradición baixa das montañas do Caurel o 24 de decembro.
Entra nas casas e palpa as barrigas de todos os nenos para saber se comeron abondo durante o ano.
Déixalles unha presa de castañas e deséxalles un aninovo cheo de ledicia e alimentos.

Déixovos tamén esta cantiga:


                            Vaite logo, meu meniño
                            marcha agora para a camiña
                            que vai vir o Apalpador
                            a apalparche a barriguiña
                     
                            Xa chegou o día grande
                            día do noso Señor.
                            Xa chegou o día grande
                            e virá o Apalpador.

                            Mañá é día de cachela.
                            que haberá gran nevarada
                            e há de vir o Apalpador
                            cunha mega de castañas.

                            Por aquela cemba
                            xa ven relumbrando
                            o señor Apalpador
                            para darvos aguinaldo.



O APALPADOR MANTÍVOSE ESQUECIDO, AGORA É O NOSO TRABALLO RECUPERALO E FACER QUE NON SE PERDA, POIS CON EL TAMÉN PERDEMOS A NOSA CULTURA.